Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.

luns, 12 de decembro de 2016

Recollida solidaria de libros e xoguetes

Lembra que estamos colaborando coa campaña de recollida de xoguetes e libros para nenos e nenas que desenvolve a Cruz Vermella. Non deixes pasar a ocasión de rematar o ano de maneira solidaria! Pon o teu gran de area para espallar felicidade!


sábado, 12 de novembro de 2016

Música para un magosto

Onte foi o noso magosto, un espazo de conversa e risos, castañas asadas no patio por profes e alumn@s, xogos populares que nos prestou a Liga Santabaiesa exhibición de dous coches clásicos restaurados... e a banda sonora que nos preparou a nosa biblioteca. Música en galego para un encontro festivo, a biblio LPN fai distintas listaxes de reprodución no YouTube para acompañar lecturas, difundir a nosa música e espallar unha maneira distinta de achegarse ó mundo da literatura. Aí tedes a banda sonora do noso magosto, gozade dela!

venres, 28 de outubro de 2016

Volta ó mundo musical

A volta ó mundo literaria do noso club de lectura compleméntase con outras voltas ó mundo que imos facer, unha delas a través da música. Esta é a primeira proposta, pero haberá máis. Queres propoñernos a túa propia volta ó mundo musical? Lembra cales son as 8 estacións xeográficas: Reino Unido, Francia, Mediterráneo, África, Oriente Próximo, India, Xapón e Estados Unidos. Se nola compartes ou a achegas pola biblioteca, has ter unha boa recompensa. Feliz ponte! Énchea de ilusión, libros e música!

xoves, 27 de outubro de 2016

Club de lectura "Nós tamén" 2016-2017

Bota a andar o club de lectura Nós tamén, do LPN. Este ano un club temático no que daremos a volta ó mundo en 8 libros. Comezamos cunha selección de contos de Óscar Wilde que xa podes vir buscar pola biblioteca. Enrólate nesta aventura!





O mundo do motor nos talleres e na biblioteca

O mundo do motor nos talleres e na biblioteca do IES Lois Peña Novo. Unha selección temática con moitos cabalos!






luns, 3 de outubro de 2016

mércores, 13 de xullo de 2016

IN MEMORIAM AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

"Todas as historias se tecen cos fíos da vida" e na historia de moit@s rapaces e "rapazas", lectores e lectoras galeg@s (e non só) hai e haberá fíos tecidos por Agustín Fernández Paz.
Cando "a néboa escura" e o "aire negro" se acheguen na "noite de voraces sombras" o Agustín poñeranos "unha lúa na fiestra" mentras nos conta ó noso carón "contos por palabras". As "cartas de inverno" chegarán coma o "soño do merlo branco" cun "tren cargado de misterios" pra alegrarnos o corazón.
Porque non temos "o corazón de pedra" e cremos nos "fantasmas de luz" sabemos que existen as "amizades secretas" que habitan nos andeis das nosas casas e bibliotecas. E "lonxe do mar", no "centro do laberinto" de cada un de nós, "os gardiáns do bosque" e "as fadas verdes" afastarannos d"as fronteiras do medo".
"Non hai noite tan longa" que impida chegar á "praia da esperanza". E "desde unha estrela distante" o noso Agustín virá "cos pés no aire" sentado nunh"a nube de cores". Nin "as fantasmas do corredor" nin "os corredores de sombras" borrarán "o rastro que deixamos" e saberemos por sempre, como se fose un mantra ou o lema esculpido na nosa tumba, que "o único que queda é amor"; amor sen dúbida e sen tregua pola lingua, a cultura, os libros e a imaxinación o que nos deixa Agustín Fernández Paz.
A biblioteca e todo o IES Lois Peña Novo de Vilalba no seu recordo e agradecemento.


Nota: todo o texto entre comiñas son frases e/ou títulos de Agustín Fernández Paz. As imaxes coas que ilustramos este recordo son do neno Agustín estudando e de romaría na súa Vilalba natal ademais dun retrato máis recente, todas recollidas na súa páxina web oficial.






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...