Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.

martes, 16 de maio de 2017

Letras Galegas 2017 no LPN

Estreamos xa onte a programación das Letras Galegas do Lois para este ano. Música, imaxe, deseño, e as actuacións de Lois Pérez e de Aldaolado. Moita ilusión, moitas palabras, moito pra facer e gozar coa biblioteca do noso IES.


domingo, 23 de abril de 2017

Día do libro con propostas de concurso

Neste día do libro queremos animarvos a coller un e abrirlle a porta a un mundo de palabras, soños, coñecementos, sentimentos e diversión. A nosa biblioteca é un bo sitio para achegarse á aventura lectora e nesta primavera achéganos ademais os habituais concursos, que amplían prazo de presentación ata o venres 28. Publicamos como exemplos varias propostas presentadas para os tres concursos que temos abertos:
1. Microrrelato sobre unha cor, neste caso o azul e en imaxes o verde e o violeta:
"O pobo famento ergueuse e fixo de fouciños as súas armas.
O corpo do rei apareceu tombado nunha sala do palacio.
O seu sangue non era azul."
2. Imaxe do agromar da primavera.
3. Texto libre sobre un animal ou unha planta, neste caso son os carballos os presentes:
"Á beira do río, o vento baila coas copas dos carballos, nunha danza maina que semella infinita… Os seus ollos, que son de tantas cores, míranme hoxe desde un azul claro que me acolle e me abala.
As súas palabras, doces, mestúranse cos meus silencios mentres os carballos son testemuñas, tamén mudas, do amor que lle achego…"
e ou este que baixo o título "Vaia animalada" trata de varios animais:
"Os paxaros cantáronlle ó sol con forza, con forza de gratitude, con gañas de apartar o frío das plumas. Xa de mañanciña cantaron, e aló polo mediodía saquei a barriga ó sol. Escoita, iso que soa son os paxariños, hanche gustar cando esteas aquí fóra.

Á tarde subín a Castroverde. En San Paio quedaban as cigoñas no seu niño, arrimadas unha á outra no luscofusco, no alto, metidiñas no seu loft con vistas ós soutos e ás carballeiras.

Saíu o raposo do seu tobo, ha de andar ás galiñas, o rabo gordo foxe das luces da estrada carreiro arriba.

E xa no pico das curvas de San Miguel, con máis présa ca min, o esquío agavea polo piñeiro.

Vaia animalada atopo hoxe no meu camiño, casualidade? o espertar desta primavera a destempo? ou é que se me presentaron os personaxes dun conto diante dos meus fuciños e eu non sei cal é a súa historia? Terei que inventala…".

ANÍMATE A PARTICIPAR!




xoves, 30 de marzo de 2017

Xa é primavera na biblio do Lois

É primavera na biblioteca do Lois. Prepara o cambio de estación con nós. Ponte guap@ lendo, escribindo, imaxinando... Empezamos a primavera con #landart e #cores nosa gaiola de soños. Espazos pra soñar, tempo de letras e imaxes. Participa nos concursos xa abertos desde hoxe:
1. Escribe un microrrelato (máx. 140 caracteres) no que apareza unha cor do arco da vella: amarelo, laranxa, vermello, azul, verde ou violeta.
2. Presenta unha fotografía do agromar da primavera.
3. Escribe un texto libre sobre unha planta ou un animal.

Entrega cun pseudónimo na biblio, no mail biblio.LPN@gmail.com ou no facebook do IES LPN. O microrretalo tamén podes envialo ó twitter @biblioLPN coa etiqueta #cores

Os premios serán fantásticos e moi orixinais. O prazo pra presentares a túa participación a calquera das tres modalidades (ou a dúas, ou ás tres...) é ata o 23 de abril.








mércores, 22 de marzo de 2017

Textos de amor, agasallos amorosos

Entramos na primavera e van chegar novas propostas no Lois e imos pechando outras: aquí tedes as fotos dos textos presentados e dos agasallos á participación no concurso de textos de amor, e os agasallos ós gañadores, Fina Paulos e Miguel Díaz, nunha reñida final que decantou o xurado pola estética da presentación de Fina ó presentar o seu poema dentro dunha caixa corazón tamén feita por ela.

Nos próximos días... novas propostas e ambientes lectores no IES LPN.











luns, 13 de marzo de 2017

8 de marzo, día da muller traballadora

Desde a biblioteca do Lois preparamos para conmemorar o día da muller traballadora unha nova selección de libros e películas. CHANZO a CHANZO acadaremos o RECOÑECEMENTO e a IGUALDADE. Camiño de mulleres ese mais tamén de homes. Lisístrata, Mafalda, as sufraxistas, Jane Austen, Marjane Satrapi, as mulleres da II República, Chimamanda Ngozi Adichie, María Pita, Harper Lee, as 13 rosas, Olympe de Gouges... muller a muller onte, hoxe e mañá. E con elas todas nós: Cristina, Nerea, Lorena, Carmen, Begoña, Ángeles, Esther, Miriam, Paula, María, Eva, Susana, Natalia, Yolanda, Isabel, Loli, Alexandra, Amparo... no Lois e fóra do Lois no camiño cara a IGUALDADE acompañadas tamén das que xa non poden camiñar mais están na nosa memoria e na nosa loita por rachar límites e teitos de cristal.











xoves, 2 de marzo de 2017

Entroidando na biblioteca

O venres pasado foi o Entroido 2017 no LPN!!!
Foi unha xuntanza moi divertida e agradable, onde catamos os doces do concurso, cantamos no karaoke e lucimos personalidades novas que tiñamos agachadas: apareceu un eléctrico Urdangarín futurista, un inspector administrativo, un mexicano que sabía cantar en portugués (e cociñar un doce co que gañou o concurso), un irlandés verdísimo, as nosas tres Rosies the Riveter (porque We can do it! e gañaron o premio ó disfraz da Volta ó mundo), unha secretaria la mar de bruxa, un ovo kinder cheo de sorpresas e representantes de todo o mundo mundial como o pingüín, o chinés, a xamaicana, V de Vendetta, a galega sulfatadora e o operario galego da construción, o avogado dos comecartos Made in Spain e a bibliotecaria con pintas de Mary Poppins... e ata un aforcado, pobriño el.
Mención especial tamén para as nosas catro Nereas, que homenaxearon a nosa Nerea da cafetería coa súa imitación e acadaron o premio ó disfraz de temática xeral.

Aquí tedes as nosas gañadoras na temática da volta ó mundo, cunhas personaxes dos EEUU, e á nosa Mary Poppins da biblioteca (máis disfraces na publicación do IES no Facebook).






martes, 21 de febreiro de 2017

A caixa pra urxencias de amor

Hoxe remata o prazo pra presentares o teu texto de amor. Se cadra precisas o empurronciño de saber o que ten a caixa agasallo...


Poesía solta

Andan poemas soltos polo IES... Ollo que poden provocar taquicardias, melancolías, fuxidas cara o baleiro, cambios de rumbo, enamoramentos de fondura e fantasías de varios tipos. Pra consultar estes e outros efectos secundarios remitimos a unha consulta personalizada na biblioteca LPN. Discreción e profesionalidade garantidas.







sábado, 18 de febreiro de 2017

Entroido 2017, coa biblioteca tamén entroidando

Quedan moi poucos días pra celebrar o Entroido no LPN! Este venres 24 a partir das 11:30 teremos concurso de disfraces e de doces de Entroido, galeoke e chistes na biblioteca e agasallos para tod@s @s que veñan disfrazad@s. Quen non queira entroidar terá clase normal! A animarse! Haberá premio ó disfraz máis impactante e tamén un premio especial ó disfraz que mellor represente a Volta ó mundo que está facendo a biblioteca co Club de lectura e o Cineclub (valen personaxes reais ou de ficción do Reino Unido, Francia, o Mediterráneo, África, Oriente Próximo, India, Xapón ou os EEUU).



venres, 17 de febreiro de 2017

Restituír a forma galega dos apelidos

Se queres recuperar a forma galega do teu apelido deturpado, agora é máis doado. Seijas, Teijeiro, Otero... poden pasar a Seixas, Teixeiro, Outeiro. Un libro que acaba de presentar a Real Academia Galega serve de referencia. Pide información no IES (na biblioteca ou en vicedirección) e axudarémosche cos trámites.
Podes ver a nova aquí.

mércores, 15 de febreiro de 2017

14 cancións pra namorar en galego

Unha nova selección musical desde a biblioteca do Lois: en galego hai moito que escoitar e que gozar. Banda sonora pra namorar... e inspirarse. Participade no concurso de textos de amor que convoca a biblioLPN, o prazo remata o 21 deste mes ás 12h, envía o teu texto en mensaxe privada por facebook, por email a biblio.LPN@gmail.com ou entrégao na biblioteca, acompañado dun pseudónimo e os teus datos de contacto.


luns, 13 de febreiro de 2017

Semana do amor

Hoxe comezamos a SEMANA DO AMOR no Lois Peña Novo. Desde a biblioteca fixemos unha selección de películas, libros e música con moito amor que tedes na entrada do IES; nos recreos de pola mañá e de pola tarde dan asesoramento no OBRADOIRO DE ROMANTICISMO DE URXENCIA pra que poidas facer unha tarxeta romántica a quen lle queiras demostrar o teu amor, con arte, poesía e moitas máis cousas que tes á túa disposición nun espazo reservado na biblioteca. Incluso pode ser que a inspiración sexa tanta que te animes a escribir un texto en verso ou en prosa, con forma de carta ou non, e presentalo ó concurso de textos de amor que ten como premio unha estupenda CAIXA PRA URXENCIAS DE AMOR, chea de cousas pra disfrutar en soidade ou en compañía... Escribe amor no LPN da man da súa biblioteca <3






mércores, 8 de febreiro de 2017

Terceira estación do Club de lectura e Cineclub, o Mediterráneo

Hoxe ás 18h terceira estación da volta ó mundo en 8 libros, o Mediterráneo, coa Odisea e Kavafis e unha selección musical con 8 temas. E tamén do Cineclub con Ágora, a película que conta parte da vida, obra e pensamento de Hipatia de Alexandría.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Comparte proxectos, plans e ilusións para o 2017

A nosa biblioteca propón para esta semana da paz un concurso para que escribamos os nosos proxectos, plans e ilusións para o 2017. Participa no propio IES ou de maneira virtual por mail, facebook ou twitter e poderás gañar a fermosísima axenda das Irmás Cartoné e un disco da imprescindible Ses. Comparte!






venres, 20 de xaneiro de 2017

Estamos eléctricos!

Na biblioteca do Lois estase facendo un importante esforzo de renovación e ampliación dos fondos técnicos que corresponden ás ensinanzas dos Ciclos Formativos. Con eles tamén facemos exposicións temáticas, como esta que agora temos dos libros relacionados coa electricidade. Domótica, instalacións de son, enerxías renovables... ata películas relacionadas coas enerxías e unha guía da cidade da luz, París! Estamos eléctricos!!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...