Benvid@ á Biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba), un espazo de coñecemento e lecer, de conversa, imaxinación e experiencias compartidas arredor dos libros.

domingo, 23 de abril de 2017

Día do libro con propostas de concurso

Neste día do libro queremos animarvos a coller un e abrirlle a porta a un mundo de palabras, soños, coñecementos, sentimentos e diversión. A nosa biblioteca é un bo sitio para achegarse á aventura lectora e nesta primavera achéganos ademais os habituais concursos, que amplían prazo de presentación ata o venres 28. Publicamos como exemplos varias propostas presentadas para os tres concursos que temos abertos:
1. Microrrelato sobre unha cor, neste caso o azul e en imaxes o verde e o violeta:
"O pobo famento ergueuse e fixo de fouciños as súas armas.
O corpo do rei apareceu tombado nunha sala do palacio.
O seu sangue non era azul."
2. Imaxe do agromar da primavera.
3. Texto libre sobre un animal ou unha planta, neste caso son os carballos os presentes:
"Á beira do río, o vento baila coas copas dos carballos, nunha danza maina que semella infinita… Os seus ollos, que son de tantas cores, míranme hoxe desde un azul claro que me acolle e me abala.
As súas palabras, doces, mestúranse cos meus silencios mentres os carballos son testemuñas, tamén mudas, do amor que lle achego…"
e ou este que baixo o título "Vaia animalada" trata de varios animais:
"Os paxaros cantáronlle ó sol con forza, con forza de gratitude, con gañas de apartar o frío das plumas. Xa de mañanciña cantaron, e aló polo mediodía saquei a barriga ó sol. Escoita, iso que soa son os paxariños, hanche gustar cando esteas aquí fóra.

Á tarde subín a Castroverde. En San Paio quedaban as cigoñas no seu niño, arrimadas unha á outra no luscofusco, no alto, metidiñas no seu loft con vistas ós soutos e ás carballeiras.

Saíu o raposo do seu tobo, ha de andar ás galiñas, o rabo gordo foxe das luces da estrada carreiro arriba.

E xa no pico das curvas de San Miguel, con máis présa ca min, o esquío agavea polo piñeiro.

Vaia animalada atopo hoxe no meu camiño, casualidade? o espertar desta primavera a destempo? ou é que se me presentaron os personaxes dun conto diante dos meus fuciños e eu non sei cal é a súa historia? Terei que inventala…".

ANÍMATE A PARTICIPAR!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...